Skip to main content

Tipos operacions

No mercado de Débeda Pública desenvólvense varios tipos de operacións:
1. Operacións Simples
Nas que a transacción se realiza nunha única operación. Ao vender os valores, transmítense todos os dereitos que incorporan: cupóns, valores de reembolso, etc... A Débeda considérase transmitida a vencemento, de forma que o novo posuidor pode negociala libremente no mercado secundario en calquera das formas autorizadas. Inclúense nesta categoría:

  •  Operacións ao contado: a liquidación acórdase dentro dos cinco días hábiles seguintes á data en que se contratou a operación.
  •  Operacións a prazo: a liquidación prodúcese nalgunha data posterior ao quinto día hábil desde que se contratou a operación. Os elementos básicos da operación (prezo pactado, data de execución, valor nominal, valor efectivo, etc.) deben ser comunicados ao Banco de España e non poden modificarse posteriormente. .


2. Operacións Dobres
Consistentes en que as partes contratantes acordan pechar simultaneamente dúas operacións simples, unha de compra e outra de venda, xa sexa a primeira ao contado e a segunda a prazo ou as dúas a prazo. O comprador da primeira operación será o vendedor da segunda e viceversa. Trátase de operacións en firme, pactándose o prezo de venda e de recompra, a unhas datas determinadas (a primeira data denomínase data valor e a segunda data vencemento). A compravenda temporal dá dereito ao cobro dos cupóns polo posuidor do activo na data de vencemento do cupón. Dentro das operacións dobres, cabe distinguir entre:

  •  Operacións simultáneas: as dúas operacións (de compra e de venda) refírense ao mesmo tipo de activo e polo mesmo importe nominal. O comprador ten plena dispoñibilidade dos valores adquiridos, con independencia da data en que se contratou a operación de retorno.
  •  Repos: a diferenza das operacións simultáneas non existe plena dispoñibilidade dos valores e só se poden realizar transaccións en "repo" ata antes da data pactada para a retrocesión dos activos. O comprador dun bono en repo ten dereito a cobrar os cupóns devengados (durante o prazo da cesión. Os repos non se poden negociar a través do mercado cego).


3. Operacións de Segregación e Reconstitución
Vinculadas aos strips de Bonos y Obligaciones del Estado segregables.
 A segregación consiste en que se dá de baixa na Central de Anotacións un bono segregable, substituíndoo por novos valores de rendemento implícito, procedentes dos fluxos de caixa correspondentes aos cupóns e ao principal de dito bono.
 A reconstitución é a operación inversa á segregación, en virtude da cal se dan de baixa na Central de Anotacións todos os valores con rendemento implícito vivos procedentes de cada un dos fluxos de caixa dun bono segregable, dándose de alta, en contrapartida, o citado bono.


  Só poderán cursar operacións de segregación e reconstitución os Creadores de Mercado, que asumen certos compromisos cuxo cumprimento se revisa anualmente. As ordes de segregación e reconstitución terán un importe nominal mínimo de 500.000 euros, e os importes adicionais deberán ser múltiplos de 100.000 euros.


  Os membros do mercado de Débeda Pública non autorizados a cursar ordes de segregación e reconstitución, así como os axentes que non son membros deste mercado, só poderán ser titulares de valores segregados a través de adquisicións destes ás entidades autorizadas a segregar; analogamente, só poderán substituír os valores segregados que posúan por bonos segregables mediante a venda dos primeiros e a adquisición dos segundos, pero en ningún caso poderán realizar operacións de reconstitución.
Menu Servicios